Artículo original publicado en: Contrainformacion.es
Dende a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) asistimos abraiados ao lamentábel espectáculo que decote supón ler os calificativos, as mentiras, as desinformacións, a falta de respecto e, por último, os ataques contra a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
As asociacións de consumidores, culturais, veciñais, ecoloxistas e cívicas (tamén as empresas, comunidades de montes e veciñanza en xeral) están sendo inxustamente atacadas por cuestionar o modelo eólico de explotación colonial imperante en Galicia.
Para estas asociacións, comunidades e persoas non hai outra vía para reclamar os seus (nosos) dereitos que a xudicial, xa que no procedimento administrativo a Xunta de Galicia fai caso omiso e mesmo nin resposta as alegacións, recursos administrativos e calquera outra comunicación.
Sufrimos a inxustiza do silencio administrativo como única resposta e vémonos obrigados á defensa dos nosos lexítimos dereitos perante o TSXG competente para obter solucións fronte o asoballamento que sufrimos por parte dunha Administración galega xorda que só actúa en perfecta irmandade coa Asociación Empresarial Eólica (AEE) e nunca ao servizo da cidadanía.
A patronal eólica, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), sindicatos como CCOO e UXT e determinados voceiros mediáticos están a desenvolver unha mentireira campaña de difamación na que todo vale.
As sentenzas do TSXG declarando a ilegalidade de determinados polígonos eólicos e máis os seus autos paralizando o trámite doutros polígonos por mor da adopción de medidas cautelares, alicérzanse en consideracións xurídicas, polo que semella que esta enxurrada mediática o que tenta é pór a Administración de Xustiza do lado da subxectividade, da desaquelada vontade de beneficio e da inxustiza, no canto da obxectividade e imparcialidade que lle cómpre nun Estado social e democrático de Dereito.
A norma xeral dos polígonos autorizados pola Xunta de Galicia é o fraccionamento fraudulento. Fanno para evitar un procedemento de impacto ambiental máis rigoroso e eficiente. Deste xeito, os únicos informes aceptados son os que presentan as empresas, que son aprobados sen sequera ser comprobados polo Órgano Ambiental Substantivo da Xunta que elabora cadansúa preceptiva declaración de impacto ambiental (DIA).
Tamén é causa de nulidade administrativa a acumulación de sinerxías ambientais entre diferentes parques que, na práctica, haberían constituir un único proxecto. Sobre isto existe abondosa doutrina xurídica que está ao dispor de calquera que teña a vontade de a consultar.
Moitos proxectos son expostos á cidadanía sen contar cos informes sectoriais preceptivos, polo que existe vicio de nulidade que se alicerza non xa na lei galega ou estatal, senón na lexislación europea. Velaí outra causa de nulidade que vai operar máis e máis nos meses vindeiros.
Reiteramos o convite a un debate público, aberto e con datos obxectivos, fóra de especulacións subxectivas, no que poidamos analizar diante da sociedade galega o procedemento de aprobación dos parques eólicos. A patronal eólica di que son transparentes e rigorosos. Nós cualificámolos de obscuros, trapalleiros, parciais e, en moitos casos, achegándose á prevaricación administrativa.
ACOUGA non é unha asociación antieólica como afirma a AEE: estamos ao servizo dos nosos asociados, que en grande número veñen cada día a seren defendidos diante dun sistema que non é xusto, nin social, nin legal, nin sustentábel, nin ecolóxico.
Non é xusto porque os veciños están expostos á perda dos dereitos sobre as súas terras, cun importante quebranto económico, a prol dun suposto interese público que non é tal. Os parques eólicos desvalorizan o valor das propiedades, como acredita o Banco de España, e non crean nin de lonxe os postos de traballo prometidos. Non xeran retorno nin na sociedade nin na súa contorna e só enriquecen aos especuladores.
Non é social porque tenta evitar o dereito á información clara e total nos procedimentos administrativos.
Non é un sistema legal porque xa son moitas as sentenzas que así o din, non só do TSXG senon tamén do Tribunal Supremo, como agacha o lobby eólico.
Non é sustentábel porque non hai unha valoración dos danos basada en criterios de desenvolvemento e protección do territorio. Só se pensa no lucro, prexudique a quen prexudique .
E non é verde nin ecolóxico dende o momento no que se transforma o medio de vida e o territorio de xeito irreversíbel.
Por todos estes motivos, dende ACOUGA cualificamos toda esta campaña como un fraude ruín que ataca os valores democráticos da sociedade e que está baseada en mentiras, en desinformación e postulados dictatoriais que só buscan crear unha corriente de opinión para tentar apremar sen escrúpulos só a prol dos seus intereses.
Polo tanto, reiteramos o noso absoluto respecto ao Poder Xudicial, ao acatamento das sentenzas e resolucións, ás institucións democráticas e ao Estado de Dereito. E esiximos ese mesmo respecto da patronal eólica, da CEG, da UXT, de CCOO e do Goberno galego.